01/06/2026
NO MES DAS ABELLAS E DAS FLORES APRENDEMOS, EXPERIMENTAMOS E DESFRUTAMOS
🐝🌼Rematamos o Mes das Abellas e das Flores, no que vivimos un montón de bonitos momentos e experiencias enriquecedoras.
👉O obxectivo: aprender sobre a importancia das abellas e dos insectos polinizadores, tan necesarios para os nosos ecosistemas e para o medio ambiente.
🖼️Coa exposición "Cousas de abellas" e "Apiarte" achegámonos ó mundo das abellas e aprendemos moitas cousas sobre como son estes insectos, a súa función polinizadora e tamén sobre a práctica da apicultura.
🐌🐦Na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal desfrutamos do conto "Melisa perdeuse" coa compañía Garabullo, na que aprendemos sobre as distintas formas de vida, a cooperación e a amistade.
🕵️♀️🎻O 20 de maio o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela acolleunos para celebrar o Día Mundial da Abella. Alí, experimentamos coa observación a través de microscopio e descubrimos moitos detalles sobre os insectos e outras curiosidades da natureza e a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela EMM ofreceunos un fermoso concerto de violíns e flautas, con melodías adicadas á natureza e ás abellas. E merendamos con mel e iogur grego, unha deliciosa combinación.
🥘🎨Rematamos o programa de actividades no LASSO. Cafetería do Auditorio de Galicia, onde as Mulleres Abelleiras Galegas ofrecéronnos un variado e interesante obradoiro: candeas, figuras de cera, broches, pintacaras, degustación de meles... E despois desfrutamos dun estupendo xantar elaborado cos produtos das abellas: glaseado de xamón asado con mel, salmón con salsa de cítricos, mel e mostaza, cenouras glaseadas con mel e mostaza, torrada e requeixo con mel.
💚👏Moitísimas grazas a todas as persoas que nos acompañaron e ás entidades colaboradoras, que fan posible que levemos adiante esta iniciativa.
👫👫Entre todas imos creando unha gran rede de amigas das abellas, agardamos que siga medrando para que cada vez máis persoas sexan conscientes da importancia de coidar das abellas e insectos polinizadores.
22/05/2026
OBRADOIRO SOBRE O MUNDO DAS ABELLAS E XANTAR COS PRODUTOS DA COLMEA
Este sábado terá lugar un obradoiro sobre o mundo das abellas, a cargo das Mulleres Abelleiras Galegas, dirixido a público familiar e no que, a través de diferentes materiais, aprenderemos moito sobre estes pequenos insectos, os seus produtos e a súa función na natureza.
Tamén haberá unha degustación de meles de distintos tipos e procedencias, aportados polas Mulleres Abelleiras. Coñeceremos como son as variedades de meles galegos e falaremos da importancia de consumir meles de produción local e de proximidade.
A partir das 14 h. o Lasso ofrecerá un xantar especial para esta ocasión, con menú-bufete elaborado con produtos das abellas. Reservas: 981 57 38 07 ou por email a [email protected] (Prezos: 20 € / Ata 15 anos: 12 € / Ata 6 anos: 10 €)
E pola tarde, ás 17 h. trasladarémonos ata o Museo de Historia Natural para celebrar unha xuntanza das Mulleres Abelleiras Galegas, despois da cal visitaremos o museo. A participación é aberta a calquera muller interesada no mundo das abellas e non é preciso ter colmeas nin experiencia previa.
Coa colaboración de: Mulleres Abelleiras Galegas, LASSO. Cafetería do Auditorio de Galicia e Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela
14/05/2026
20 DE MAIO: DÍA MUNDIAL DAS ABELLAS
O próximo 20 de maio celebraremos o Día Mundial das Abellas cunha gran xornada festiva no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela.
Será o evento central do Mes das Abellas e das Flores, no que Santiago de Compostela se sumará a esta celebración mundial instaurada polas Nacións Unidas, que ten como finalidade divulgar sobre a importancia das abellas e demais insectos polinizadores no mantemento da biodiversidade e sensibilizar á sociedade sobre a súa protección.
PROGRAMA:
Todo o día: Portas abertas do Museo de Historia Natural (de 10.00 a 14.00 h. e de 16.30 a 20.00 h.)
A partir das 16.30 h.: Obradoiro “Un museo baixo o microscopio”. Sesións cada 15-20 minutos. Observación a través de lupas e microscopios para descrubrir detalles invisibles da natureza: células vexetais, minerais, insectos, escamas e moitos outros elementos do mundo natural que normalmente pasan desapercibidos á nosa vista.
De 17.00 a 19.30 h. Degustación de mel e outros produtos das abellas
Ás 18.30 h. Actuacións musicais do alumnado da Escola Municipal de Música:
– Dúo de Flautas: Irene Molina e Olaya Pereira “A abella Maya” (Karen Svoboda)
– Actuación de Saxo: Adrián Paderne “O oso e o mel” (Michiel Oldenkamp)
– Agrupación de violíns: ‘Margaridas’ (Tradicional Irlandesa)
Todas as actividades son abertas e de balde, ata cubrir o aforo do espazo.
Coa colaboración de: Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, Asociación Amigos Museo de Historia Natural e Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela EMM.
12/05/2026
EMOCIÁNDONOS COA ABELLA MELISA E AS SÚAS AVENTURAS
O pasado sábado desfrutamos do conto "Melisa perdeuse" da compañía Garabullo na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.
Unha fermosa experiencia, chea de risas, emocións e aventuras, nas que acompañamos á abella Melisa na busca do seu fogar, coñecendo outros animais do bosque e aprendendo sobre as diferentes formas de vida na natureza, a importancia da amizade e a cooperación.
Grazas a todas as crianzas, mamás e papás, por acompañarnos e encher o salón de actos da biblioteca ano tras ano, á Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal por acollernos de novo para celebrar a importancia das abellas e a Rula e Helder, da Compañía Garabullo e espazo educativo Kokoro, por emociarnos cos seus contos...
Seguiremos escoitando máis historias sobre a abella Melisa e agardamos vervos nas vindeiras actividades do "Mes das Abellas e das Flores"!
06/05/2026
COUSAS DE ABELLAS E APIARTE
Onte inauguramos as exposicións "Cousas de abellas" e "Apiarte" na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.
"Cousas das abellas" consta de 8 paneis didácticos sobre a vida das abellas e os seus produtos. "Apiarte" é unha selección de obras de distintos artistas que acompañan os paneis didácticos para facelos máis comprensibles.
O conxunto das dúas exposicións, xunto cos audiovisuais e equipamentos apícolas, conforman un todo e dannos unha visión sobre a importancia das abellas e os seus produtos para a saúde e o medio ambiente.
Do 5 ó 16 de maio, no vestíbulo da biblioteca. Non vola perdades!
05/05/2026
MES DAS ABELLAS E DAS FLORES 2026
No mes de maio Máisquemel organiza en Santiago de Compostela o “Mes das abellas e das flores”, con motivo da celebración do Día Mundial da Abella o día 20 de maio.
O programa inclúe exposicións sobre o mundo das abellas, proxección de audiovisuais, contacontos, obradoiros e xantar temático. Unha chea de actividades que achegarán a todos os públicos ó mundo das abellas e do resto de insectos polinizadores, para aprender cal é a súa importante función na natureza e todos os beneficios que nos aportan.
As actividades terán lugar entre a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal e o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela. Este ano ademais, incorporamos un novo espazo: LASSO. Cafetería do Auditorio de Galicia
Tamén contaremos coa colaboración de varios colectivos e outras entidades: Ecomuseo Casa das Abellas, Mulleres Abelleiras Galegas, Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural e a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela EMM.
Aquí tedes toda a información: https://maisquemel.gal/mes-das-abellas-e-das-flores-2026/
Agardámosvos!
08/03/2026
🌞🌺🪻ESTÁ CHEGANDO A PRIMAVERA... E CON ELA O DÍA MUNDIAL DA ABELLA! 🐝🐝🐝
Por fin se achega a primavera... polo que en Máisquemel estamos comezando cos preparativos do Día da Abella!
Como todos os anos, celebraremos este día tan especial para nós e o mundo das abellas en Santiago de Compostela, cos nosos colaboradores habituais: Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal e Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, ademais doutras novas e interesantes propostas.
👀Prestade atención á nosa web e redes porque iremos publicando información en breve!
21/12/2025
Dende Máisquemel queremos desexarvos unha boas festas de Nadal e un feliz ano 2026 chego de abellas e de flores!
07/12/2025
DESCUBRINDO A TRADICIÓN ABELLEIRA DO VALADOURO NO IV ENCONTRO DE MULLERES ABELLEIRAS GALEGAS
O pasado 29 de novembro celebramos o IV Encontro de Mulleres Abelleiras no Museo do Mel do Valadouro O Trobo.
Marifé Sixto, unha muller abelleira que provén dunha familia adicada á apicultura dende varias xeracións, fundou este museo que foi construíndo pouco a pouco, adaptando diferentes espazos anexos á vivenda familiar. O museo alberga obxectos, ferramentas, fotos e libros que pertencían principalmente á súa familia e que Marifé amosa con ilusión, explicando a historia que hai detrás de cada peza.
A sesión da mañá comezou coa presentación das asistentes á xornada, na que coñecemos a novas abelleiras que se animarcon a entrar no proxecto. Despois da visita ó museo, continuamos cunha mesa redonda sobre as experiencias da incorporación na apicultura de dúas mozas abelleiras, que relataron a dificultade da burocracia e a pouca flexibilidade das axudas para adaptarse as condicións variables da apicultura. Para rematar a mañá, debatimos sobre a participación da muller na apicultura no pasado e na actualidade. Entre os factores que favorecen o empoderamento das mulleres abelleiras, está a presenza e participación real nas organizacións, para o que é fundamental que haxa referentes e que se ofreza formación a cargo de mulleres.
Pola tarde visitamos o Castelo de Alfoz, onde coñecemos a súa historia e visitamos as exposicións de varios artistas da zona. Alí tivo lugar un momento de reflexión e debate sobre o futuro do colectivo e, para rematar, probamos os variados meles que trouxeron as mulleres abelleiras.
Grazas Marifé Sixto por acollernos no seu fermoso museo e as mulleres abelleiras que se animaron a participar nesta interesante e fructífera xornada!
O artigo completo en: https://maisquemel.gal/descubrindo-a-tradicion-abelleira-do-valadouro-no-iv-encontro-mulleres-abelleiras-galegas/