18/06/2026
🏅 Este mes publicouse o Acordo do 29 de maio de 2026 polo que se nomeou profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela o noso compañeiro José Antonio Caride Gómez, Catedrático de Pedagoxía Social.
👏 Desde SEPA-interea queremos trasladar publicamente a nosa alegría e os nosos parabéns por este novo recoñecemento, un máis á súa longa traxectoria académica, boa parte da cal desenvolveu como director do noso grupo de investigación.
➕ No mesmo acordo nomeouse tamén como profesor emérito a Miguel Santos Rego, a quen tamén enviamos os nosos parabéns.
17/06/2026
💬 Nesta nova edición, xa a quinta, dos nosos DIÁLOGOS INTERCULTURAIS - CONSTRUÍNDO PONTES teremos a oportunidade de acompañar a nosa compañera Safa Jaziri, doutoranda da Universidade de Sousse (Tunisia)
🌍 Esta xornada será tamén o peche da súa estancia internacional no noso Grupo de Investigación. Durante o encontro, Safa compartirá connosco a súa experiencia durante estes meses de intercambio, así como parte do traballo desenvolvido no marco da súa investigación doutoral: “O impacto do deseño pedagóxico como vector da interacción infantil en contexto escolar. Que papel xogan a ferramentas educativas dixitais?”
🔎 A súa investigación aborda o papel do deseño de experiencia en ferramentas educativas dixitais dirixidas á infancia, explorando como estas poden favorecer a inclusión, a equidade educativa e novas formas de interacción e aprendizaxe.
📍 A actividade terá lugar o xoves 25 de junio, de 12:30 a 14:00 h, na Sala 3 da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida).
✨ Será unha boa oportunidade para acompañar a Safa neste peche de etapa, compartir as súas aprendizaxes e seguir fortalecendo estes espazos de encontro, diálogo intercultural e construción colectiva de coñecemento.
12/06/2026
📒 Esta semana presentouse o libro "Tecnología Educativa en Educación Social: Reflexiones y propuestas para la acción comunitaria"
🔎 O prólogo, co título "El diálogo (necesario) de la tecnología educativa con la educación social" foi elaborado polo noso compañeiro José Antonio Caride Gómez, catedrático de Pedagoxía Social , xunto ao Prof. Dr. Manuel Area, catedrático de Tecnoloxía Educativa na Universidade de La Laguna.
🔗 O libro, en acceso aberto, pódese descargar integramente nesta ligazón: https://www.dykinson.com/libros/tecnologia-educativa-en-educacion-social-reflexiones-y-propuestas-para-la-accion-comunitaria/9791370471736/
08/06/2026
📖 Recentemente foi publicado o libro "Animação sociocultural : fundamentos, princípios e práticas integrados ao trabalho com jovens", do que fai parte un capítulo asinado polo noso compañeiro José Antonio Caride Gómez
🔎 A súa achega, baixo o título "Educación, animación sociocultural y pedagogia social", forma o capítulo 13, integrado na segunda parte da obra, que está editada pola Cátedra Unesco de Juventude, Educação e Sociedade da Universidade Católica de Brasília.
🔗 O libro completo está disponíbel para descarga nesta ligazón:https://catedra.ucb.br/wp-content/uploads/2026/06/CALIMAN-et-al-2026-Animacao-Sociocultural-03Jun26b.pdf
➕ Máis información: https://catedra.ucb.br/arquivos/20595
05/06/2026
🏆 Premio de Excelencia en Divulgación Científica para o noso compañeiro Marcos Carrizo
💬 Onte celebrouse a Gran Final do concurso ‘Three Minute Thesis (3MT®)’ da Universidade de Santiago de Compostela, no que os finalistas tiveron que expoñer diante do público o contido da súa tese de doutoramento nun tempo máximo de tres minutos.
🗣 O 3MT é un concurso internacional de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento iniciado pola Universidade de Queensland en 2008. A iniciativa apoia a capacidade das persoas doutorandas para explicar eficazmente a súa investigación en tres minutos, nunha linguaxe adecuada para un público non especializado.
👏 Tras unha longa deliberación, o xurado escolleu o noso compañeiro Marcos Damián Carrizo como gañador do Premio de Excelencia en Divulgación Científica na área de Ciencias Sociais e Xurídicas.
🏅 Desde que se celebra este concurso, é a primeira vez que este galardón recae na área de Educación.
🎉 Parabéns, Marcos!
03/06/2026
📃 A revista International Research in Geographical and Environmental Education vén de publicar un novo artigo asociado co proxecto Resclim@tiempo.
🔎 Coa autoría de Júlio J. Conde, Antonio García Vinuesa e Pablo Ángel Meira Cartea, o artigo avalía a efectividade do enfoque transversal na incorporación da emerxencia climática no currículum da educación secundaria en España.
📊 Os resultados dun estudo cuantitativo amosan unha mellora estatisticamente significativa nos coñecementos dos estudantes entre o primeiro e o último ano da educación secundaria obrigatoria, pero o tamaño do efecto é pequeno, o que indica unha relevancia educativa limitada. Non se observou un progreso significativo na atribución de responsabilidades ni na percepción do risco.
🌱 Estes resultados suxiren que os enfoques curriculares transversais centrados na alfabetización científica son insuficientes para fomentar unha conciencia proactiva sobre a crise climática. As futuras reformas deberían incorporar un tempo-espazo curricular específico que integre as dimensións científicas, sociais e éticas, permitindo aos estudantes desenvolver representacións da emerxencia climática máis proactivas e socialmente comprometidas.
🔗 https://www.tandfonline.com/doi/full/10.1080/10382046.2026.2666208
01/06/2026
🏅 A integrante do noso grupo Rita Gradaílle figura no ranking “Mulleres investigadoras españolas e en España”, recentemente divulgado.
🔎 O listado foi elaborado polo Instituto de Políticas y Bienes Públicos, pertencente ao CSIC, e reúne máis de 12.000 perfís de investigadoras a partir de indicadores como o índice h e o número de citas en Google Scholar e OpenAlex asociados aos perfís ORCID.
👏 A aparición neste ranking supón o recoñecemento da súa traxectoria investigadora, e pon en valor o impacto e a calidade do labor desenvolvido no seo do grupo SEPA-interea, desde o que parabenizamos a nosa compañeira por este novo logro.
🔗 Nesta ligazón pódese consultar o ranking completo e os criterios usados para a súa elaboración: https://figshare.com/articles/preprint/Ranking_de_mujeres_investigadoras_espa_olas_y_en_Espa_a_Edici_n_GS-ORCID_OPENALEX_Abril_2026/32063853?file=64480200ORCID_OPENALEX_Abril_2026/32063853?file=64480200
28/05/2026
🎉 O noso compañeiro Marcos Carrizo participará como finalista no Certame Internacional 3MT, na área de Ciencias Sociais e Xurídicas
🏆 Esta quinta edición do Three Minute Thesis (3MT®), é un certame internacional de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento, convocado pola USC a través da súa Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS).
🔎 Iniciado pola Universidade de Queensland en 2008, 3MT cultiva as habilidades de comunicación académica, de presentación e de investigación dos estudantes. O concurso apoia a capacidade das persoas doutorandas para explicar eficazmente a súa investigación en tres minutos, nunha linguaxe adecuada para un público non especializado.
⏳ Esta competición reta a consolidar as súas hipóteses, obxectivos e ideas así como a validez e importancia dos resultados da súa investigación, e a presentalos de xeito claro e conciso, empregando unicamente os recursos propios da oratoria e da retórica, esenciais para as súas futuras carreiras profesionais. O escaso tempo que teñen obrígaos a preparar discursos claros e efectivos, que transmitan en poucas palabras a importancia do tema de investigación de xeito sinxelo e comprensible para os non expertos.
📍 A Gran Final terá lugar o mércores 3 de xuño ás 19:00 no establecemento Riquela (Rúa do Preguntoiro, 35). A entrada será libre e poderán asistir todas aquelas persoas que o desexen.